terça-feira, 25 de agosto de 2009

O Hotel Moon despide unha traballadora que esixiu o cumprimento do contrato


CIG-Servizos de A Coruña organizou unha concentración de protesta o 21 de agosto fronte ao Hotel Moon, estabelecemento que despediu recentemente unha traballadora que reclamou os seus dereitos e esixiu o cumprimento do contrato e do convenio.
24/8/09.A concentración desenvolveuse diante do Hotel Moon, sito na rúa Ramón y Cajal da cidade herculina. Unha ducia de delegados do sindicato e traballadores e traballadoras da Hostalaría congregouse na porta do hotel portando unha faixa co lema “Non á represión”, coreando consignas contra a precariedade e repartindo panfletos entre a clientela e a veciñanza. Ao cabo de media hora apareceron no lugar tres coches patrulla da policía española, que foran alertados da presenza dos manifestantes pola directora do estabelecemento. Os axentes identificaron todas as persoas presentes na protesta.


Despedida por reclamar o que é seu


O contrato da traballadora era de 35 horas semanais aínda que en realidade realizaba máis de 40. A empregada foi despedida en canto lle propuxo á dirección do Hotel tres posibilidades para regularizar a súa situación: respectarlle a xornada de 35 horas, aumentarlle o contrato até as 40 ou pagarlle as horas extras traballadas. A directora do Hotel Moon rexeitou todas as demandas da empregada baixo a argumentación cínica de que esa era á “política da empresa” e de que a Hostalaría “funciona así”.


CIG-Servizos ten constancia de que o Hotel Moon contrata sistematicamente empregados e empregadas a tempo parcial para, finalmente, traballar a tempo completo, mesmo superando as 40 horas semanais que fixa o Estatuto dos Traballadores como tope.


Todas estas incidencias e ilegalidades foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo por medio dunha denuncia interposta pola CIG-Servizos, na que se pon de manifesto a fraude sistemática na contratación que comete o Hotel Moon.


A central nacionalista non se resigna e plantará cara ante calquera caso de violación dos dereitos dos traballadores que se produza nun dos subsectores máis precarizados do noso mercado laboral como é a Hostalaría.

quarta-feira, 9 de julho de 2008

A SOLIDARIEDADE OBREIRA CONTINUA!


CIG – Servizos anima a cidadanía a boicotear o Restaurante Lenda, en Culleredo
Repítense as protestas contra o restaurante que botou un cociñeiro que se acolleu a unha licenza por enfermidade da muller
A CIG-Servizos de A Coruña prosegue coa campaña de denuncia do despedimento dun cociñeiro do Restaurante Lenda, na Corveira (Culleredo), que foi botado polo xefe logo de que se acollese a unha licenza por enfermidade grave da muller. Na noitiña do 27 de xuño, os bombos, tambores e megáfonos volveron atronar ás portas deste local hostaleiro para deixar constancia entre a veciñanza e clientela da indecencia e falta de humanidade do propietario do Restaurante Lenda, Manuel Rey Luhía.
O despedimento de Juan, que así se chama o compañeiro represaliado, á parte de inxusto, é improcedente pois o Convenio Provincial de Hostalaría recoñece o dereito dos traballadores a gozar de licenzas en caso de que os seus cónxuxes estean enfermos ou hospitalizados, como ocorreu neste caso. Juan xustificou correctamente, por medio dun burofax, os días que se ausentou do seu posto para atender a súa dona.

O empregado despedido, cociñeiro de profesión e militante activo da CIG, levaba máis de tres anos traballando no restaurante sen ningún tipo de problema. A situación mudou hai seis meses, cando o negocio cambiou de propietario.

O actual dono do restaurante, cando se decatou de que a CIG o ía denunciar, comezou unha campaña de difamacións, calumnias e denuncias falsas contra o traballador. O despedimento do compañeiro non foi o único no Restaurante Lenda nas últimas semanas, pois o patrón botou á rúa outro empregado días despois.

segunda-feira, 23 de junho de 2008

Solidariedade obreira contra a explotación


Corenta persoas uníronse a unha protesta da CIG – Servizos fronte a este local hostaleiro
Un restaurante de Culleredo despide un traballador que se acolleu a unha licenza por enfermidade da muller
O Restaurante Lenda, sito na Corveira (Culleredo), despediu un traballador que fixo uso dunha licenza cando a súa muller caeu gravemente enferma. Este despedimento, á parte de inxusto, é improcedente pois o Convenio Provincial de Hostalaría recoñece o dereito dos traballadores a gozar de licenzas en caso de que os seus cónxuxes estean enfermos ou hospitalizados, como ocorreu neste caso.
A CIG-Servizos respondeu a esta actitude despótica, mafiosa e atentatoria contra os dereitos máis elementais dos traballadores realizando, o 31 de maio, unha concentración ás portas do estabelecemento hostaleiro, á que se uniron por volta de 40 persoas, entre membros da central, amigos e familiares do despedido. A protesta decorreu sen incidencias, mais isto non impediu que axentes da Guardia Civil (chegaron a contabilizarse até 12 no lugar) identificasen e rexistrasen varios compañeiros do sindicato e cidadáns solidarios co traballador. Tamén foi censurábel a actitude exhibida pola propietaria da parrillada “A Costela”, situada ao carón do restaurante denunciado, que comezou a provocar e proferir improperios contra os concentrados.

O empregado represaliado, cociñeiro de profesión e militante activo da CIG, levaba máis de tres anos traballando no restaurante sen ningún tipo de problema. A situación mudou hai seis meses, cando o negocio cambiou de propietario.

O actual dono do restaurante, cando se decatou de que a CIG o ía denunciar, comezou unha campaña de difamacións, calumnias e denuncias falsas contra o traballador. O despedimento do compañeiro non foi o único no Restaurante Lenda nas últimas semanas, pois o patrón botou á rúa outro empregado días despois.

quinta-feira, 29 de maio de 2008

Lista dos peores garitos para traballar




1.- Restaurante LENDA, na Corveira. Traballadores sen contrato. Despiden aos traballadores por pedir os permisos do Convenio. O xefe inventase denuncias falsas para non ter que pagar os despidos chulescos que fai...

2.- CAFÉ BAR COMEDIA, en Medico Durán. Teñen un cartel perpetuo onde buscan camareiros. Uns piratas de coidado.

3.- CASA JUANA, no Poligono de Pocomaco. Acoso laboral. Contratación fraudulenta. Exceso de horas...

4.- Restaurante LA CHALOTA, na praza de Lugo nº 4. Malos salarios. Traballodores sen contrato. Déspotas...

5.– Parrillada VILANOVA, no Temple. Contratación ilegal. Diferencias salariais. Mal pagadores…

ACABEMOS COA EXPLOTACIÓN!!!
BOICOT A ESTES GARITOS!!!

segunda-feira, 26 de maio de 2008

O BERRO SALVAXE DA HOSTELERIA



Dende as cociñas dun restaurante de luxo ate as mesas máis cochas dunha taberna cutre.
Dende as habitacións dun Motel de mala morte ate a recepción dun Hotel de cinco estrelas. Dende o Bar familiar ate a as Cadeas Multinacionais. Dende as barras dunha discoteca ate os sofás dun Club de carreteira. Sae o berro salvaxe dos traballadores e das traballadoras de Hostalería, para que dunha vez por todas a nosa voz sexa escoitada e para que serva como forma de unión entre as traballadoras e traballadores dun sector tan importante e a súa vez tan precario para a Comarca de A Coruña.
Por iso dende hoxe, dende que comezaches a ler estas verbas comezas a estar connosco na loita para conquerir unhas condicións de traballo máis dignas e que para que a partir de agora sexamos respectamos como merecemos. Non imos aturar máis explotación, máis berros nin insultos, a partir de agora xa somo máis, moitísimos máis e organizados conseguiremos facernos respectar.
Dende a Federación de Servizos da CIG, xa comezamos a dar os primeiros pasos cara o respecto e dignidade que merecemos, máis agora precisamos de ti, para que todos e todas xuntos fagamos unha forza tan poderosa, que os xefes tremen cando nos vexan e así conquerir un Convenio Xusto e unhas condicións dignas de traballo e de trato.